Wednesday 15 de May de 2024

Os nenos saharauís do programa Vacacións en Paz visitan o Concello de Oleiros


O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e a concelleira de cooperación, Marga Figueroa Vázquez, recibiron esta mañá na Casa do Concello ao grupo de nenos e nenas saharauís que están a pasar as súas vacacións en Oleiros grazas ao programa Vacacións en Paz que organiza a ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

Durante o encontro, o alcalde deulles unha agarimosa benvida, preguntoulles pola súa estadía en Oleiros e tamén lles desexou sorte para o futuro. Igualmente, o alcalde tivo palabras de recoñecemento e agradecemento para as familias que acollen durante os meses de verán a estes nenos e nenas. Resulta determinante para este programa que se incremente o número de familias acolledoras, que diminuíu nos últimos tempos, especialmente desde o conflito bélico de Ucraína.

O Concello de Oleiros ten un forte compromiso co pobo saharauí. Ademais de participar e impulsar desde os seus inicios o programa Vacacións en Paz, desde Oleiros apoiáronse numerosas campañas para denunciar a situación existente no Sáhara Occidental e o pleno dereito de autodeterminación e independencia do pobo saharauí. O pasado ano, a proposta do Goberno municipal, o pleno acordou solicitar que o Goberno español rectifique o cambio de postura sobre este territorio ocupado ilegalmente pola ditadura marroquí.